Unha circunstancia recente xurdida das novas plataformas dixitais é a posibilidade de publicar na rede produtos
construídos con moi poucos medios técnicos e á marxe da industria dedicada á produción dixital. Estas producións
individuais poden ser vistas e/ou escoitadas por millóns de persoas. Por vez primeira na historia, os/as creativos/as
poden alcanzar o recoñecemento da súa obra sen pasar polo filtro da industria audiovisual. Este apoio inicial serve
como indicativo de calidade para unha posterior integración de novos/as creadores/as dentro da industria audiovi-
sual. Por outra banda, a facilidade de exposición do material ("subir á rede") non supón un aumento da calidade do
creado; moi ao contrario, a realidade indícanos que a posibilidade ilimitada de xerar fotos, vídeos, blogs e páxinas
web sen a axuda do criterio razoado da industria está a inundar o mercado audiovisual de produtos de calidade
moi deficiente. Resulta pertinente, xa que logo, que os alumnos e as alumnas entendan a importancia do proceso
creativo e a súa relación inescusable coa industria que se encarga de xestionalo.
Outra das novidades que presenta o mundo dixital actual, que o diferencia das súas orixes (sistemas analóxicos), é
a posibilidade de xeración de imaxes artificiais ou alteradas dun modo dificilmente distinguible da imaxe obtida por
pura impresión da realidade. Os modernos sistemas dixitais de edición permiten crear ou modificar a realidade da
imaxe cunha calidade dificilmente distinguible da simple plasmación da realidade nun fotograma de celuloide.
Por tanto, faise necesario e pertinente facilitarlle ao alumnado ferramentas técnicas e educativas que lle axuden a
xestionar a marea de datos, información, imaxes, sons e posibilidades creativas que diariamente recibe en case
todos os ámbitos nos que se desenvolve a súa vida. A intensidade e a efectividade que conseguen as creacións
plásticas realizadas en soporte dixital son, indubidablemente, dunha forza impresionante, posto que combinan sa-
bia ou atinadamente imaxes, música e mensaxes sonoras.
Trátase, daquela, de que o alumnado comprenda e analice a cultura audiovisual da sociedade na que vive e os
medios de produción utilizados para xerala; deste xeito, poderá ser quen de desenvolver un sentido crítico e per-
soal, para ordenar a información recibida e temperar a intensidade da potencia icónica que o mundo audiovisual
xera.
A adquisición de competencias para a análise dos elementos expresivos e técnicos, e a dotación de conciencia
crítica, debe servir para crear unha cidadanía máis responsable, crítica e participativa.
Esta materia ten un carácter propedéutico necesario e básico para o seu desenvolvemento en etapas posteriores,
xa sexa en estudos universitarios de comunicación audiovisual e publicidade, belas artes, etc., ou xa nos de forma-
ción profesional de imaxe e son e nas ensinanzas artísticas.
Neste sentido, o ensino desta materia estrutúrase en dous camiños paralelos e complementarios. O primeiro deles é a análise dos produtos que se presentan por medios dixitais: aprender a ver, a escoitar, a discernir o que se di,
como se di e por que se lle presenta ao/á espectador/a dun xeito determinado. O segundo é a creación por parte
do alumnado de produtos audiovisuais; aprender o proceso creativo dos produtos audiovisuais é, probablemente,
unha das mellores ferramentas para o desenvolvemento persoal e humano, que lles podemos facilitar aos alumnos
e ás alumnas para a comprensión dos contidos que reciben por medios dixitais.
Estas dúas vías son, por tanto, imprescindibles e complementarias na formación; cada unha axuda a outra para
camiñar xuntas no obxectivo de formar o alumnado nunha materia tan apaixonante como é a creación audiovisual.
O alumnado necesitará saber ler os produtos audiovisuais para comprender a súa mensaxe e, de xeito comple-
mentario, empezar a xerar produtos dixitais, co fin de se comunicar e coñecer mellor a realidade da cultura audio-
visual.
Cultura Audiovisual desenvólvese durante dous cursos académicos, co criterio organizador de afianzar no primeiro
curso de bacharelato as habilidades e os coñecementos necesarios para o seu desenvolvemento, e a súa aplica-
ción técnica no segundo curso. No primeiro curso o alumnado analizará a evolución dos medios e das linguaxes
audiovisuais, e as funcións e as características da imaxe fixa e en movemento, co fin de crear narracións audiovi-
suais sinxelas. No segundo curso analizará a importancia da función expresiva da imaxe, o son e a música no pro-
ceso de creación de audiovisuais e, así mesmo, comprenderá a organización da produción de audiovisuais e as
características dos novos medios e das mensaxes publicitarias, co fin de valorar e realizar produtos audiovisuais
sinxelos.
Cultura Audiovisual I - 1º de bacharelato
Cultura Audiovisual II - 2º de bacharelato